| REFLEXIÓNS SOBRE O DECRETO DO HABITAT |
|
Nestes días estase a falar, e moito, do Decreto do Hábitat, que hai pouco entrou en vigor. Tanto se ten falado que mesmo se ten dito que hai Alcaldes que nos opoñemos ao mesmo. Hai un xeito de debater tan antigo como o ser humano: partir de premisas falsas para deducir a conclusión que a min me conveña, sobre todo se serve para a defensa numantina do interese partidista. Para que vexan cal é o noso pensar, resumo unha proposición que o Grupo Municipal Socialista presentou no Concello de Lugo para que sexa debatida no pleno do próximo luns.
As NORMAS DO HÁBITAT GALEGO, que derogan as establecidas polo Decreto 311/92, do 12 de novembro, formúlanse dende a perspectiva de mellorar as condicións de habitabilidade das vivendas e do seu ámbito inmediato, tanto se son espazos públicos como privados.
Este loable obxectivo da mellora global das condicións de deseño, calidade e funcionalidade das vivendas, en canto supoña a mellora das condicións de vida dos cidadáns, considerámolo altamente positivo.
Nembargante este obxectivo compartido queda diluído por dúas razóns, unha principal, a súa colisión coa autonomía local e outra, procedimental, que foi a que propiciou a invasión competencia1 como consecuencia da falla do diálogo preciso coa Administración Local, representada polo seu lexítimo interlocutor, que é a FEGAMP. A FEGAMP xa presentara alegacións (maio de 2007) advertindo taxativamente que “determinadas disposicións” do entonces borrador de Decreto “poden atacar á Autonomía Municipal” así como “nalgúns preceptos oponse ao disposto no apartado I.b) do Pacto Local por canto se impoñen procedementos e cargas sen compensación económica”
Dese modo estímase que o Decreto incorre en infraccións do principio de xerarquía normativa por canto contradí outras normas de carácter superior e de infraccións en materia do principio de competencia, na medida en que no respecta o ámbito competencia1 alleo por canto a súa intervención en determinadas materias está moito mais preto da ordenación urbanística que ao establecemento de estándares de habitabilidade, chocando coas competencias propias dos concellos en materia de planeamento (que inclúe a formulación do Plan Xeral e mesmo de certos plans de desenvolvemento) e a través dos procedementos previstos na normativa urbanística. Que facer? l. Sen prexuízo das melloras que o Decreto das Normas do hábitat Galego pretende introducir a prol dunha maior calidade da vivenda en Galicia, se abra un período de diálogo cos Concellos, representados pola FEGAMP. 2. Neste proceso de diálogo, se creen os instrumentos necesarios para modificar determinados aspectos do Decreto, que inciden na Autonomía Municipal e nas competencias Locais, que con garantías de cumprimento, fixera posible a retirada do recurso presentado.
Onde está a oposición dos Alcaldes a mellora das vivendas en Galicia?. Onde está a defensa dos apartamentos galiñeiro, o mercado libre e especulativo?Está conculcada ou non a autonomía municipal? Se non hai resposta dirano os Tribunais. A colaboración está ofrecida desde Maio de 2007 pola FEGAMP e por escrito, desde novembro, polos Alcaldes das grandes cidades de Galicia, agás Pontevedra.
P.D.: Quero manifestar o meu pesar polo pasamento de quen foi Presidente do Goberno D. Leopoldo Calvo Sotelo. É unha das persoas que colaboraron, desde a súa perspectiva, para que se chegara a unha convivencia democrática despois da dictadura.
|
| José L. Orozco. domingo, 4 de maio de 2008
ás 21:06:22
|
|
|
| LUGO, MEDRA E MODERNÍZASE |
|
Celebro, ao igual que outros moitos lucenses, o anuncio que saíu o pasado venres no Diario Oficial de Galicia no que se materializaba o concurso de ideas para a construción do novo auditorio de Lugo, na parcela que se cedeu na Acea de Olga, máis concretamente na Avda. de Magoi. Non teño que dicir, porque sería repetirme, que o lugar que a min me gustaba era o do cuartel de San Fernando. Non só me gustaba o lugar era que me gustaba o proxecto e ademais era unha dotación importante para o centro. Pasou o que pasou, había un plan “B” e xa comezou a longa tarefa de iniciar outra vez todo o procedemento administrativo. Farase. Que non lles quede a menor dúbida.
Tamén teremos no antigo cuartel de San Fernando, o centro da Romanización. Comezamos o procedemento para traspasalo á Consellería de Cultura que rematará nun convenio entre ámbalas dúas administracións. Desexo, e parece ser segundo afirmou o Sr. Director Xeral de Patrimonio que esa é a súa vontade, que se faga pronto o proxecto e se materialice a obra. Cantas máis dotacións se fagan no centro da cidade, máis posibilidades teremos de conservar e poñer en valor o Centro Histórico, perla de todos os lucenses independentemente onde vivamos.
Acércase o día 26 de maio, día no que se van abrir as plicas das distintas empresas que van optar á construción do museo interactivo da historia de Lugo (MIHL), que se situará na parcela da vella FRIGSA que antes estaba ocupada pola planta de pensos. Aquí xa fixemos o concurso de ideas que gañou o equipo de Arquitectura Nieto-Sobejano, equipo con obras en cidades importantes de España e Europa. Quedará facer os informes técnicos respectivos e logo tomar o acordo de adxudicar a obra á empresa gañadora. Desexo que no último trimestre deste ano comecen as obras.
Esas dotacións vanse ver incrementadas na medida que concedan a Lugo o Plan Urban, cousa que está a piques de fallarse. Temos un bo proxecto, avaliado positivamente por diversas Institucións, fundamentalmente polo Consello Económico e Social, e que vai proporcionar medios económicos para rehabilitar o antigo cárcere e tamén facer máis sostible o desenvolvemento cultural, social e económico do centro e a súa zona de influencia. Ir da man coa Deputación Provincial, demostra cantas cousas cambiaron, para ben, na cidade.
Non me dirán vostedes que non é bonito xestionar os asuntos públicos de unha cidade, mellor dito, da cidade na que un vive e desenvolve a súa vida con moitas e moitas persoas que tamén, día a día, fan que Lugo medre e se modernice.
|
| José L. Orozco. domingo, 27 de abril de 2008
ás 21:06:26
|
|
|
 |
Empezo a realizar este "blog", eu traduciría esa verba por "pequeno caderno de bitácora", no que, coa máxima frecuencia, irei relatando feitos e ideas, fóra do que é o meu traballo diario como Alcalde. É verdade que esa vida profesional, que é a que vivo a diario, vai "contaminar" (influir, marcar...) moito esas ideas, feitos e pensamentos que relatarei. Gustaríame contar coa complicidade dos "internautas" que o desexen no sentido que estimen oportuno. Só o mutuo respecto e os principios constitucionais marcarán os límites. BOA VIAXE...
ARTIGOS RECENTES
» REFLEXIÓNS SOBRE O DECRETO DO HABITAT
» LUGO, MEDRA E MODERNÍZASE
» GOBERNAR
» EN POSITIVO
» I FORO INTERNACIONAL SOBRE DROGAS (2ª PARTE)
» I FORO INTERNACIONAL SOBRE DROGAS
» A DIVERSIÓN
» ESTAR DE VOLTA DE TODO
» PASARON AS ELECCIÓNS XERAIS
» A GRANDEZA DA DEMOCRACIA
ARQUIVO
· maio 08
· abril 08
· marzo 08
· febreiro 08
· xaneiro 08
· decembro 07
· novembro 07
· outubro 07
· setembro 07
· agosto 07
· xullo 07
· xuño 07
· maio 07
· abril 07
· marzo 07
· febreiro 07
· xaneiro 07
· decembro 06
· novembro 06
· outubro 06
· setembro 06
· agosto 06
· xullo 06
· xuño 06
· maio 06
· abril 06
· marzo 06
· febreiro 06
|
|  |